Localización
A planta pódese atopar nos areais da beiramar tropical [5] do mar Caribe, océano Índico e Pacífico. Cultivada dáse noutras zonas de clima quente. Adoita medrar dende o ecuador até paralelos 28º de ambos os dous hemisferios, con algunhas excepcións como as illas Bermudas ou o arquipélago de Madeira no paralelo 32º, ou Illas Kermadec, entre os paralelos 29º e 31º.
Descrición
As follas desta planta son de gran tamaño ata os 3 m de longo e o seu froito, a noz de coco, contén a semente máis grande que existe. O coqueiro é unha soa especie con múltiples variedades, diferenciadas basicamente pola cor do froito (amarelo ou verde). As plantas só presentan diferenzas no talo. A característica común de todas elas é o sabor do froito: agradábel, doce, carnoso e zumarento. A importancia económica fixo que se comezase a cultivar nas praias tropicais, o lugar máis axeitado.
As flores do coco son poligamomonoecias, coas flores masculinas e femininas na mesma inflorescencia. O florecemento ocorre arreo, coas flores femininas producindo as sementes.
Etilmoloxía
A etimoloxía da palabra coco é galego-portuguesa, cunha antiga orixe celta *krowkā-[6]. O nome do froito veulle dado polos navegantes portugueses durante a primeira viaxe de Vasco da Gama á India, cando trouxeron por vez primeira o coco a Europa. Segundo Losada, os mariñeiros déranlle o nome pola semellanza a unha cabeza ou coco (en galego e portugués) xa que semella unha face con dous ollos e unha boca aberta, moi semellante ao monstro 'côco', 'coca' ou 'cuca' do folclore galegoportugués (tamén a bugallo do carballo chámase coca en galego).[7][8] Aparentemente o nome 'coco' veu dos encontros en 1521 entre os mariñeiros portugueses e os moradores das costas do Índico, porque ningún nome semellante se atopa en calquera das linguas da zona, onde os portugueses apañaron o froito; de feito Barbosa, Barros e García, ao mencionaren o nome na lingua tamil-malaiam tenga e kanarés narle, din claramente, "chámamos eses froitos quoquos", "a nosa xente deulles o nome de coco" e "ao que nós chamamos coco e os de Malabar temga".
Orixes

A orixe da planta é descoñecida, para algúns botanistas é de orixe asiática e para outros do Caribe. Sen ter en conta a súa orixe, os cocos téñense espallado a través de moitas das zonas tropicais do mundo, axudado probabelmente en moitos casos polo factor humano. O coco como é unha semente rexa, propágase a grandes distancias polas correntes mariñas, acadando a beiramar norueguesa.
Cultivo

A planta non atura o frío,[5] as grandes alturas, o afastamento do mar, os solos duros e escasos de sal. Pola contra axéitase a zonas con forte vento (que ademais é imprescindíbel para que as flores polinicen) e ao sal. Prefire áreas asolladas (do tipo tropical) e de precipitación regular (750 a 2.000 milímetros anualmente). Os cocos tamén necesitan de alta humidade ambiental (70-80%+) para o crecemento óptimo, polo tanto o coco non se desenvolve axeitadamente en áreas cálidas con humidade baixa (o mar Mediterráneo, as costas do norte de Chile e no Perú), incluso onde estas sexan temperaturas altas, sendo difícil que medren en climas secos. Porén si pode medrar en zonas subtropicais como as Illas Canarias, Hawai, Cabo Verde ou a Florida onde a humidade relativa é elevada e as temperaturas non acostuman baixar dos 10 °C.[9]
Utilidade
- Artigo principal: coco (drupa).
O coco fica entre as máis antigas plantas útiles e se explota de múltiples maneiras. Á polpa seca chámanlle copra e contén un 60-70% de lípidos; da copra obtense aceite, utilizado na elaboración de margarina e xabrón. A madeira do coco emprégase para a construción. Os habitantes de Filipinas, Polinesia, Kiribati e as Illas Marshall consomen o zume to tronco do coco fresco; fermentado, pode se conservar e transformar nun tipo de bebida alcohólica, coñecida coma viño de coco.
As fibras que arrodean a noz de coco utilízanse para facer cepillos, colchóns e cordas. Nas illas do Caribe, adóitanse abrir as noces de coco non chegadas cun machado para extraer a auga do froito que é unha bebida refrixerante. Esta auga pode ficar até oito meses no froito pechado e conservar todas as súas cualidades.
Produción
Indonesia lidera a produción mundial de cocos no ano 2012, seguida de Filipinas e a India. Pollachi é a rexión coqueira máis salientábel da India. Tamén áchanse alí importantes industrias relacionadas: Tender Coconut Water, Copra, Coconut Oil, Coconut Cake, Coconut Toddy, Coconut Shell based Products, Coconut Wood based Products, Coconut Leaves, ou Coir Pith.
| Listaxe dos 12 principais produtores de coco o ano 2012 | ||||
|---|---|---|---|---|
| País | Toneladas | Nota ao pé | ||
| 18 000 000 | F | |||
| 15 862 386 | P | |||
| 10 560 000 | P | |||
| 2 888 532 | P | |||
| 2 000 000 | F | |||
| 1 250 000 | F | |||
| 1 100 000 | F | |||
| 1 050 000 | F | |||
| 900 000 | F | |||
| 585 000 | F | |||
| 580 000 | F | |||
| 430 000 | F | |||
| Mundo' | 59 983 908 | A | ||
| Sen letra = dato oficial, P = dato ofical, F = estimación FAO, * = Inoficial, semioficial, C = dato calculado, A = Agregatdo (pode incluír oficiais, semi-oficiais ou aproximacións), Fonte: Food And Agricultural Organization of United Nations: Economic And Social Department: The Statistical Devision Arquivado 19 de xuño de 2012 en Wayback Machine. Cocoteros S.A | ||||
Sinonimia
Os nomes a seguir considéranse sinónimos de Cocos nucifera:[10]
Notas
- ↑ Sinónimos en Kew Consultado o 1 de agosto de 2009.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para coco.
- ↑ Algúns dicionarios e vocabularios específicos tamén recollen a forma coqueiro como é o caso de Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004
- ↑ Dicionario da Real Academia Galega Coco Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
- 1 2 Species Profiles for Pacific Island Agroforestry: Cocos nucifera (pdf file)
- ↑ Cf. Meyer-Lübke, Wilhelm (1911). Romanisches etymologisches wörterbuch. Heidelberg: Carl Winter's Universitätsbuchhandlung. pp. 183., s.v. crūca
- ↑ Losada, Fernando Díez. (2004). La tribuna del idioma. Editorial Tecnologica de CR. p. 481. ISBN 978-9977-66-161-2.
- ↑ Figueiredo, Cândido. (1940). Pequeno Dicionário da Lingua Portuguesa. Livraria Bertrand. Lisboa. (en portugués)
- ↑ Werth, E. 1933. Distribution, Origin and Cultivation of the Coconut Palm (in periodical: Ber. Deutschen Bot. Ges., vol 51, pp. 301–304) (artículp traducido al inglés por el Dr. Child, R. (Director, Coconut Research Scheme, Lunuwila))
- ↑ Sinónimos en Kew Consultado o 1º de agosto de 2009.