A Sede é un edificio administrativo e comercial situado en Vigo. Constitúe unha das sedes institucionais do Real Club Celta de Vigo, e está situado na rúa Príncipe.
Historia
O edificio no que hoxe se atopa A Sede é froito de varias remodelacións e reformas nos inmobles que se atopaban nesa localización. Anteriormente á adquisición por parte do RC Celta, o edificio pertencía ao Círculo Mercantil. Fundado en 1891 a partir do Círculo de Instrución Mercantil, o seu presidente daquela, Bernardo Bernárdez, adquire o edificio situado na rúa Príncipe 44.
Após varios anos de obras a cargo do arquitecto Manuel Gómez Román, inaugurouse en 1925. De estilo clasicista galego e con múltiples galerías e ventanais, inaugurárono de forma oficial o 28 de setembro de 1927 os reis Afonso XIII e Vitoria Euxenia. Finalmente, no ano 2015 foi adquirido polo Celta de Vigo para a súa reforma e posterior mudanza das súas oficinas administrativas.[1]
Arquitectura
A Sede consta de seis andares que se erixen entre as rúas Príncipe e Velázquez Moreno.
No baixo comercial, un espazo acristalado e a dúas alturas, atópanse a tenda do RC Celta e un local gastronómico.
No primeiro andar, que outrora fora o antigo Salón Rexio do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo, sitúase un espazo multiúsos.
O andar segundo acolle unha residencia para futbolistas dos equipos bases do Celta.
O terceiro andar acolle unha clínica deportiva para futbolistas de elite, xestionada polo doutor do RC Celta Juan José García Cota.
Os andares cuarto e quinto constitúen espazos administrativos, oficinas e despachos.
Finalmente, o último andar acolle un restaurante dirixido polo chef Alberto González Prelcic.
Exteriormente, destaca o acabado en malla acristalada que recobre o teito do edificio, formando unha cúpula de vidro de cor celeste.
Notas
- ↑ "O Celta rubrica a compra do edificio do Círculo Mercantil". La Voz de Galicia. Consultado o 28 de xaneiro de 2023.